Iniciativa Helsinki sobre o multilingüismo na comunicación científica

A investigación é internacional. E gústanos que sexa así! O multilingüismo mantén viva a investigación local relevante. Protexámolo! A difusión dos resultados de investigación na nosa propia lingua crea impacto. Deámoslle apoio! Interactuarmos coa sociedade e compartirmos coñecemento máis aló do ámbito académico é fundamental. Promovámolo! A infraestrutura para a comunicación científica en linguas nacionais é fráxil. Non a perdamos!

As persoas asinantes da Iniciativa Helsinki sobre Multilingüismo na Comunicación Científica apoian a adopción das seguintes recomendacións por parte de xestoras e xestores, líderes, universidades, institucións de investigación, entidades financiadoras da investigación, bibliotecas e persoal investigador:

1. Apoiar a difusión de resultados de investigación en beneficio da sociedade.

  • Garantir que as investigadoras e os investigadores sexan recoñecidos por difundiren resultados de investigación máis aló do ámbito académico e por interactuaren co patrimonio, a cultura e a sociedade.
  • Garantir o acceso igualitario ao coñecemento científico en distintas linguas.

2. Protexer as infraestruturas nacionais que permiten a publicación da investigación local relevante.

  • Garantir que as revistas científicas e as editoriais con finalidade non lucrativa teñan recursos abondos e o apoio necesario para manteren altos estándares de control de calidade e de integridade na investigación.
  • Garantir a protección das revistas e das editoriais nacionais na súa transición cara ao acceso aberto.

3. Promover a diversidade lingüística nos sistemas de avaliación e de financiamento da investigación.

  • Garantir que nos procesos de avaliación por pares, a investigación de alta calidade se valore independentemente do idioma ou canle de publicación.
  • Garantir que cando se utilicen sistemas baseados en métricas, se tomen en consideración, axeitadamente, revistas e libros publicados en todas as linguas.

A Iniciativa Helsinki sobre o multilingüismo na comunicación científica foi elaborada pola Federación de Asociacións Científicas Finlandesas (TSV), ó Comité para a Información Pública (TJNK), a Asociación Finlandesa para a Comunicación Científica, as Universidades de Noruega (UHR) e a Acción COST "Rede Europea para a Avaliación da Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades" (ENRESSH).

A campaña "In all languages" ("En todas as linguas") é unha chamada de atención para as xestoras e os xestores de política científica, líderes, universidades, institucións de investigación, entidades financiadoras da investigación, bibliotecas e persoal investigador, que ten por obxectivo promover o multilingüismo na comunicación científica. Participemos enviando a Twitter ou Facebook una declaración ou vídeo, propio ou de colegas, apoiando o multilingüismo na comunicación científica. Por suposto, en #InAllLanguages.